A Oficina Técnica Next Generation Galicia Food presentou hoxe aos seus asociados o PERTE de Economía Circular, un novo paquete de axudas procedente dos fondos Next Generation e que será outra oportunidade para as empresas agroalimentarias galegas de mellorar a súa competitividade.
A través dun seminario online, a Oficina Técnica impulsada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Igape, debullou as características deste programa que conta cun orzamento de 492 millóns de euros cos que mobilizar uns 1.200 millóns de euros de investimento público e privado. Deste orzamento 300 millóns irán para sectores clave e outros 192 para actuacións transversais. Será neste último apartado onde a industria agroalimentaria podería ter unha valoración destacada, xa que se considera un subsector prioritario no Proxecto de orde ministerial pola que se establecen as bases e se efectúa a convocatoria para a concesión de axudas ao impulso da economía circular.
O asesor senior de Sector Público de Ernst & Young e especialista en Next Generation, Ignacio Niño, foi o responsable de explicar os aspectos clave deste documento e avanzou, por exemplo, que a convocatoria de axudas se publicará neste exercicio, aínda que o prazo para a execución dos proxectos podería chegar a 2026.
O obxectivo deste PERTE de Economía circular é avanzar cara unha economía máis sostible e descarbonizada apostando, como o seu nome indica, pola circularidade dos procesos industriais e empresariais, que melloren a competitividade e innovación do tecido industrial.
Neste sentido, desde Clusaga destacan que coincide plenamente co eixo 3 do seu Plan estratéxico 2021-2025 de Impulso da sustentabilidade e incorporación das empresas á economía circular e a bioeconomía. Nesta liña, ten establecido o servizo Circulariza, un apoio á mellora da sustentabilidade ambiental e adaptación á economía circular das empresas, que inclúe diagnóstico de circularidad, identificación de oportunidades e recomendación para poder desenvolver proxectos que á súa vez sexan susceptibles de optar ás convocatorias deste PERTE.
Neste PERTE haberá catro grandes ámbitos de traballo: o de xestión de residuos para xerar novas materias primas; o ecodeseño para aumentar a vida útil dos produtos, aumentar a súa reciclabilidade e reutilización; o de redución de materias primas co uso de subprodutos e materiais procedentes de residuos, e a dixitalización para mellorar a trazabilidade e a circularidade dos procesos.
A presentación do seminario correu a cargo da socia directora de EY Galicia, Marta Fernández Currás, e o director de proxectos tractores do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Santiago Álvarez. Por parte de Clusaga, interviron o responsable de Innovación Tecnolóxica, Xosé Ramón Vázquez e o xerente, Roberto Alonso, quen animou ás empresas a acercarse á Oficina Técnica para resolver dúbidas e para recibir información e asesoramento para os seus proxectos neste eido.