A Oficina Técnica Next Generation Galicia Food, promovida pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga), organiza o vindeiro 28 de xullo, entre as 10.00 e as 10.40 horas, un obradoiro online dirixido a empresas baixo o título “Oportunidades para as pemes do sector alimentario galego no PERTE Agroalimentario”.
O PERTE Agroalimentario, aprobado o 8 de febreiro de 2022 en Consello de Ministros e que contará con máis de 1.800 millóns de euros de inversión pública, concíbese coma unha iniciativa integral sobre a cadea de valor do sector agroindustrial cun obxectivo: a creación do ecosistema necesario para fomentar o desenvolvemento, dixitalización e modernización da industria agroalimentaria.
Desta forma establecéronse tres bloques principais: a competitividade, a sustentabilidade e a mellora da trazabilidade e seguridade alimentaria. Á súa vez o PERTE ten tres eixos estratéxicos: Fortalecemento industrial, Dixitalización do sector agroalimentario e Apoio á innovación e á investigación.
En liña con esta xanela de oportunidade, o obxectivo deste obradoiro é dobre. Por unha parte, dar a coñecer as iniciativas que está levando a cabo a Oficina Técnica para promover a participación de empresas alimentarias galegas en propostas PERTE. Por outra banda, explicar a metodoloxía de análise das iniciativas das empresas alimentarias galegas que se reciban, para estudar a posibilidade de integralas en diversas iniciativas tractoras que se estean promovendo a nivel estatal.
A asistencia a este evento está suxeita a inscrición previa a través do formulario que aparece a continuación, que se manterá aberto ata o vindeiro 27 de xullo ás 14.30 horas. A ligazón de conexión será enviada ao correo facilitado no formulario o día antes do evento. Para máis información, o programa completo está dispoñible. Para resolver dúbidas, pode contactar con Clusaga no correo info@clusaga.org ou no teléfono 981 55 60 62.